A Renda Básica das Iguais, máis aló do Ingreso Mínimo Vital

Solapas principales

Colas no Banco de Alimentos en LugoUnha opción anticapitalista e feminista

Lugo sen mordazas.- Algunha vez te preguntaches que farías ti se cobraras unha renda básica? Para a maioría das persoas a vida cambiaría radicalmente. Sobre todo para as desbotadas por un sistema económico que favorece a uns poucos mentres afoga á maioría e que resulta insustentable, tanto social como ecoloxicamente.

Ante esta situación resulta inxenuo pensar que podemos mellorar as cousas con simples reformas cara a un capitalismo de rostro amable. Moi ao contrario, compre tomar as rendas e sentar as bases nas que afincar unhas vidas dignas e plenas.

Os modelos de benestar social nos que se moven as sociedades máis “avanzadas” poden ir desde o modelo máis individualista, ou de seguro, ata os máis equitativos ou de reparto. Porén, loitar contra a pobreza non pode consistir en poñer parches ou repartir esmola, senón en loitar contra a acumulación da riqueza e empezar a cuestionar a lexitimidade da propiedade privada ligada á acumulación e o abuso.

Nese senso, a Renda Básica é o dereito que ten cada cidadá ou cidadán a percibir unha cantidade periódica para cubrir as súas necesidades materiais, sen ningunha condición que o limite. Unicamente polo feito de nacer, a sociedade debería garantir o benestar social que esa persoa necesita para sobrevivir con dignidade.

Existen distintos modelos de Renda Básica, e incluso modelos que reciben este nome sen selo realmente. As xentes de Baladre traballan, desde hai máis de 30 anos, na Renda Básica das Iguais (en adiante RBis).

Moi de vez en cando aparecía nos medios de comunicación o tema da renda básica. Agora, en tempos de pandemia, vemos medidas como o Ingreso Mínimo Vital (recentemente aprobado) e Rendas Básicas varias, porén aínda non hai un verdadeiro debate no seo da sociedade sobre unha auténtica distribución da riqueza, os posibles modelos para levala a cabo e os resultados que isto provocaría.

A miúdo as dúbidas máis comúns que xorden ante as propostas dunha renda básica céntranse na súa viabilidade e no medo de que cause unha deserción multitudinaria do emprego.

O modelo da RBis fai unha proposta realista: repartir o 50% da riqueza que xeramos, que terá que ser transformada en diñeiro mediante uns impostos xustos e proporcionados, ben diferentes dos existentes actualmente. O argumento de que non hai diñeiro cae por si só, posto que estamos a repartir a riqueza que xeramos, nin máis nin menos.

Por outra banda, ante a dúbida de si estes ingresos básicos conformarían unha poboación “vaga”, a experiencia dos poucos lugares nos que se ten implantado algún tipo de renda universal, pon de manifesto que non se reduce a capacidade de traballo da poboación. Baladre ten realizado distintos estudos sobre a viabilidade da RBis, entre eles un na Galiza[2] no que se recolle o resultado dunha serie de entrevistas que poñen de manifesto que existe ese “medo” cando falamos da sociedade en xeral, mentres que cando se nos pregunta a título individual a maioría declara que non deixaría de traballar; outra cousa é que estariamos moito menos dispostos/as a aceptar condicións de traballo precarias e que elixiriamos mellor en que ocupamos o noso tempo.

A RBis é unha ferramenta fundamental para modificar as actitudes ante a imposición do emprego como o centro das nosas vidas e establecer unha diferencia necesaria entre traballo e emprego

En Lugo coñecemos ben a situación de abandono do medio rural e as precarias condicións dos produtores e produtoras agrícolas e gandeiros, pero rara vez se inclúe a este colectivo nos discursos sobre renda básica. O actual sistema alimentario produtivista ata o límite, contaminante, mercantilista, dependente de insumos externos e que sume aos produtores na dependencia dos subsidios ou directamente na bancarrota, está moi lonxe dunha produción de alimentos sa e respectuosa coas persoas e o planeta. Os produtores/as que se saen dese modelo e as persoas que queremos comer san e respectar o entorno e, en xeral, quen defendemos un mundo rural vivo e a soberanía alimentaria dos pobos, estariamos noutra situación ben diferente, para decidir sobre a nosa alimentación e as nosas condutas, desde unha perspectiva de xustiza e sustentabilidade social e ambiental, se recibísemos unha renda básica.

Colas no Banco de Alimentos en Lugo

A RBis é unha ferramenta fundamental para modificar as actitudes ante a imposición do emprego como o centro das nosas vidas e establecer unha diferencia necesaria entre traballo e emprego, unha vez que o propio sistema, desde os anos 90, recoñece a inviabilidade para o mantemento do pleno emprego e non garante unha vida digna e en liberdade. Isto entronca directamente coas loitas feministas que reivindican colocar no centro as vidas das persoas, os coidados, os afectos e as relacións xustas e equitativas entre as persoas e co medio. Compre, por tanto, reflexionar e discutir sobre a contribución que esta proposta de reparto da riqueza podería ofrecer á loita feminista e viceversa [3].

O acceso das mulleres ao mundo laboral foi, e segue a ser, unha reivindicación do feminismo, pero convén lembrar en que condicións se ten realizado esa incorporación: brecha salarial, teitos de cristal, precariedade, dobres xornadas ao non asegurarse previamente a corresponsabilidade nos coidados e nas labores domésticas… En verbas de Yayo Herrero, “o apoio mutuo é condición básica para a supervivencia, por elo, desde unha visión ecofeminista non é posible soster que pode existir a vida á marxe da produción e o traballo. Iso si, falamos doutra produción e outro traballo, criticando radicalmente as ficcións que ten construído a economía convencional e sobre as que se teñen edificado os instrumentos, indicadores e teorías maioritarias”.3

Segundo o expresado por Mari Fidalgo, na charla que deu en Lugo o pasado marzo, organizada dende Lugo Sen Mordazas, a RBis é unha ferramenta destinada a crear condicións para procesos de transformación social, co obxectivo a longo prazo de arrebatar ao mercado y ao emprego os espazos de relación, autoxestión, cooperación, seguridade e participación necesarios para que se podan ir cambiando conciencias e articulando vontades.

Por último, insistir en que entendemos que esta é unha proposta máis ‒unida ao resto de loitas sindicais, sociais, ecoloxistas ou feministas‒, que desde o rexeitamento ao sistema capitalista, busca transformar a sociedade desde abaixo e colectivamente.

Etiquetas: