Prestacións de 400€ concedidas con meses de atraso e despois dunha morea de trabas burocráticas e controis por parte dos servizos sociais. No mellor dos casos, acceder a un contrato de sete meses de contía inferior ao salario mínimo interprofesional, tras o cal non está permitido renovar o cobro da prestación. Ou a caridade.
Estas son as respostas dispoñibles a día de hoxe para facer fronte á situación de emerxencia social que afecta a unha de cada catro persoas en Galiza (o 23,8% da poboación que se atopa en “risco” de pobreza ou exclusión). Para moitas máis, que sufrimos as dificultades de soster a vida cada día mais non cumprimos os requisitos de pobreza establecidos, as opcións pasan polo mercado laboral precarizado.
As xentes de Baladre deixamos a un lado os termos difusos (cambio, progreso, transversalidade, reformismo, benestar....) para abordar propostas concretas que garantan o dereito a unha vida digna e contribúan a procesos de transformación radicais.
Para iso organizamos unhas xornadas de reflexión e debate nas que partiremos dunha radiografía do actual escenario do capitalismo depredador, examinando o papel que xoga a pobreza e as consecuencias desta para aquelas persoas que se atopan nas posicións de maior vulnerabilidade e exclusión, poñendo o foco na situación das mulleres.
O contraste farémolo con propostas que xorden desde a economía social e da loita polos dereitos sociais e polo reparto da riqueza. Unha loita que pasa por informar, visualizar e denunciar. Mais tamén por deconstruír o empobrecemento como un fracaso individual e por crear vínculos políticos desde os que arrancar o dereito a vivir dignamente.
Sábado 2 abrilNa A Gentalha do Pichel (r/Santa Clara 21 - COMPOSTELA)
10:00 - Presentación da xornada.
10:15 a 11:45 - “Planeta carroña. O capitalismo actual e as súas consecuencias”, a cargo de J. M. Busqueta (Seminari Taifa)
12:00 a 14:00 - “O seu benestar e o noso malestar”:
Xantar
16:00 a 17:00 - “L'Olivera, 42 anos de economía social”, a cargo de Clara Griera (Cooperativa L'Olivera)
17:00 a 18:30 - “Da RISGA á Renda Básica das iguais”, a cargo de Mari Fidalgo e Manolo S. Bayona (Baladre)
18:30 a 19:30 - “Os Puntos de Información e Denuncia e Asembleas de empobrecidas - precarias”:
19:30 - Lectura das propostas recollidas na xornadas