logo

Renta Básica de las Iguales · Oinarrizko Errenta · Renda Bàsica de les Iguals · Renda Básica das Iguais · Basic Income for Equal Citizens

A Renda Básica das Iguais, máis aló do Ingreso Mínimo Vital

Unha opción anticapitalista e feminista

Lugo sen mordazas.- Algunha vez te preguntaches que farías ti se cobraras unha renda básica? Para a maioría das persoas a vida cambiaría radicalmente. Sobre todo para as desbotadas por un sistema económico que favorece a uns poucos mentres afoga á maioría e que resulta insustentable, tanto social como ecoloxicamente.

Ante esta situación resulta inxenuo pensar que podemos mellorar as cousas con simples reformas cara a un capitalismo de rostro amable. Moi ao contrario, compre tomar as rendas e sentar as bases nas que afincar unhas vidas dignas e plenas.

Os modelos de benestar social nos que se moven as sociedades máis “avanzadas” poden ir desde o modelo máis individualista, ou de seguro, ata os máis equitativos ou de reparto. Porén, loitar contra a pobreza non pode consistir en poñer parches ou repartir esmola, senón en loitar contra a acumulación da riqueza e empezar a cuestionar a lexitimidade da propiedade privada ligada á acumulación e o abuso.

Nese senso, a Renda Básica é o dereito que ten cada cidadá ou cidadán a percibir unha cantidade periódica para cubrir as súas necesidades materiais, sen ningunha condición que o limite. Unicamente polo feito de nacer, a sociedade debería garantir o benestar social que esa persoa necesita para sobrevivir con dignidade.

Existen distintos modelos de Renda Básica, e incluso modelos que reciben este nome sen selo realmente. As xentes de Baladre traballan, desde hai máis de 30 anos[1], na RBis.

Moi de vez en cando aparecía nos medios de comunicación o tema da renda básica. Agora, en tempos de pandemia, vemos medidas como o Ingreso Mínimo Vital (recentemente aprobado) e Rendas Básicas varias, porén aínda non hai un verdadeiro debate no seo da sociedade sobre unha auténtica distribución da riqueza, os posibles modelos para levala a cabo e os resultados que isto provocaría.

A miúdo as dúbidas máis comúns que xorden ante as propostas dunha renda básica céntranse na súa viabilidade e no medo de que cause unha deserción multitudinaria do emprego.

O modelo da RBis fai unha proposta realista: repartir o 50% da riqueza que xeramos, que terá que ser transformada en diñeiro mediante uns impostos xustos e proporcionados, ben diferentes dos existentes actualmente. O argumento de que non hai diñeiro cae por si só, posto que estamos a repartir a riqueza que xeramos, nin máis nin menos.

Por outra banda, ante a dúbida de si estes ingresos básicos conformarían unha poboación “vaga”, a experiencia dos poucos lugares nos que se ten implantado algún tipo de renda universal, pon de manifesto que non se reduce a capacidade de traballo da poboación. Baladre ten realizado distintos estudos sobre a viabilidade da RBis, entre eles un na Galiza[2] no que se recolle o resultado dunha serie de entrevistas que poñen de manifesto que existe ese “medo” cando falamos da sociedade en xeral, mentres que cando se nos pregunta a título individual a maioría declara que non deixaría de traballar; outra cousa é que estariamos moito menos dispostos/as a aceptar condicións de traballo precarias e que elixiriamos mellor en que ocupamos o noso tempo.

A RBis é unha ferramenta fundamental para modificar as actitudes ante a imposición do emprego como o centro das nosas vidas e establecer unha diferencia necesaria entre traballo e emprego

En Lugo coñecemos ben a situación de abandono do medio rural e as precarias condicións dos produtores e produtoras agrícolas e gandeiros, pero rara vez se inclúe a este colectivo nos discursos sobre renda básica. O actual sistema alimentario produtivista ata o límite, contaminante, mercantilista, dependente de insumos externos e que sume aos produtores na dependencia dos subsidios ou directamente na bancarrota, está moi lonxe dunha produción de alimentos sa e respectuosa coas persoas e o planeta. Os produtores/as que se saen dese modelo e as persoas que queremos comer san e respectar o entorno e, en xeral, quen defendemos un mundo rural vivo e a soberanía alimentaria dos pobos, estariamos noutra situación ben diferente, para decidir sobre a nosa alimentación e as nosas condutas, desde unha perspectiva de xustiza e sustentabilidade social e ambiental, se recibísemos unha renda básica.

A RBis é unha ferramenta fundamental para modificar as actitudes ante a imposición do emprego como o centro das nosas vidas e establecer unha diferencia necesaria entre traballo e emprego, unha vez que o propio sistema, desde os anos 90, recoñece a inviabilidade para o mantemento do pleno emprego e non garante unha vida digna e en liberdade. Isto entronca directamente coas loitas feministas que reivindican colocar no centro as vidas das persoas, os coidados, os afectos e as relacións xustas e equitativas entre as persoas e co medio. Compre, por tanto, reflexionar e discutir sobre a contribución que esta proposta de reparto da riqueza podería ofrecer á loita feminista e viceversa [3].

O acceso das mulleres ao mundo laboral foi, e segue a ser, unha reivindicación do feminismo, pero convén lembrar en que condicións se ten realizado esa incorporación: brecha salarial, teitos de cristal, precariedade, dobres xornadas ao non asegurarse previamente a corresponsabilidade nos coidados e nas labores domésticas… En verbas de Yayo Herrero, “o apoio mutuo é condición básica para a supervivencia, por elo, desde unha visión ecofeminista non é posible soster que pode existir a vida á marxe da produción e o traballo. Iso si, falamos doutra produción e outro traballo, criticando radicalmente as ficcións que ten construído a economía convencional e sobre as que se teñen edificado os instrumentos, indicadores e teorías maioritarias

Segundo o expresado por Mari Fidalgo, na charla que deu en Lugo o pasado marzo, organizada dende Lugo Sen Mordazas, a RBis é unha ferramenta destinada a crear condicións para procesos de transformación social, co obxectivo a longo prazo de arrebatar ao mercado y ao emprego os espazos de relación, autoxestión, cooperación, seguridade e participación necesarios para que se podan ir cambiando conciencias e articulando vontades.

Por último, insistir en que entendemos que esta é unha proposta máis ‒unida ao resto de loitas sindicais, sociais, ecoloxistas ou feministas‒, que desde o rexeitamento ao sistema capitalista, busca transformar a sociedade desde abaixo e colectivamente.