Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!

Solapas principales

Confinadas e empobrecidas estamos por mor dun virus. A moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección. Por iso o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos, mortes...

Hai uns meses colectivos e asociacións do país reclamabamos facer da "RISGA UN VERDADEIRO DEREITO" para nos protexer da pegada do empobrecemento. Agora, á vista da continuidade das ineficaces e miserentas políticas sociais e da crise provocada polo coronavirus, esiximos RENDA BÁSICA, XA!

Malia os anuncios de medidas por parte do goberno central, polo momento non hai INGRESO MÍNIMO VITAL e descoñecemos o detalle da súa cobertura. Mais do que imos sabendo semella que vai beber das mesmas fontes que as políticas de rendas mínimas.

Cómpre implantar unha RENDA BÁSICA e desbotar medidas como a RISGA que cunhas contías miserentas, cun taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia, que se traduce en obstáculos e atrasos, non serve para cubrir necesidades básicas. A RISGA non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise do COVID19, nin moito menos cara o futuro que entrevemos. Mais ben ofrece xestionar a miseria, ao igual que as medidas que propoñen.

Esiximos superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios. Hai uns meses Philip Alston, relator sobre extrema pobreza e dereitos humanos da ONU, visitou o Estado Español e denunciou o pantano burocrático para acceder a unha prestación.

Por isto urxen medidas transformadoras como a Renda Básica que permita unhas mínimas condicións materiais para garantir unha vida digna, desde as cales conquistar colectivamente outros dereitos.

A vida digna como dereito non se negocia nin pode agardar!

Galiza, abril 2020

Asinan: Foro Galego de Inmigración, Oficina Dereitos Sociais de Coia, Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galicia, ONGD Viraventos, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Asociación Fuco Buxán, Vangarda Obreira da Coruña.

Etiquetas: