[1] #DaRISGAáRBis "Como pasar de usuaria a persoa sen morrer no intento", Beatriz Lorenzo

Solapas principales

Dende hoxe até o venres 1 de abril iremos presentando ás persoas e colectivos que van participar nas xornadas "Da RISGA á Renda Básica das iguais" que se van celebrar en Compostela o sábado 1 de abril.

Comezamos estas presentacións con Beatriz Lorenzo Caamiña, compa da ODS-Coia. Achegamos un texto que apareece publicado na edición galega de "Renda Básica das iguais e feminismos" é un anaco dun vídeo no que ela intervén (a partires do minuto 17).

Como pasar de usuaria a persoa sen morrer no intento, por Beatriz Lorenzo Caamiña

Non me identifico coa palabra “usuaria” coa que me etiquetan nos servizos sociais aos que por desgraza tiven que recorrer por primeira vez hai catro anos. Son unha persoa. Son unha muller. Unha muller que topou de fronte na súa vida co rostro cruel da precariedade, do empobrecemento, da exclusión social da que tantas veces se fala desde a frialdade dos números, dos datos estatísticos. Unha muller que, en medio dunha situación vital moi dura, comezou a buscar saídas e tivo a sorte e a valentía de unirse a outras persoas que tamén sufrían a escaseza de recursos económicos para compartir xuntas os seus problemas, para denunciar xuntas as causas dos mesmos e a falta de respostas por parte das administración públicas, e para buscar alternativas que nos permitan vivir unha vida digna.

Moito choveu desde entón. E non resulta doado dar conta de todo o proceso vivido desde que entrei a formar parte da Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia), pero unha cousa si teño clara: desde entón, desde a primeira vez que me acheguei buscando axuda (aquel paso foi moi difícil polas duras circunstancias nas que nos atopabamos a miña familia e mais eu) até agora moitas cousas cambiaron para min e tamén para as persoas coas que pasei pouco a  pouco a compartir o día a día e as loitas.

Non é que a nosa situación non siga a ser moi dura. Non. Seguimos padecendo as graves consecuencias de non ter recursos suficientes para cubrir as necesidades básicas e para vivir dignamente, seguimos facendo o imposible e dando voltas e máis voltas para conseguir pagar o aluguer, os recibos ou simplemente para comer..., seguimos a atopar unha e outra vez o silencio ou o “non hai cartos” por parte de quen ten a obriga de garantir os nosos dereitos; pero a diferencia está en como nos sentimos hoxe: persoas con dereitos e con forza para esixir que eses dereitos sexan respectados. Xa non estamos soas e iso marca a diferencia. Porque compartir os nosos problemas en grupo, tomar conciencia de que se trata de problemas sociais que afectan a moitas persoas, reflexionar sobre as súas causas, poñernos a idear formas de denunciar publicamente a inxustiza que padecemos e buscar alternativas conxuntamente para o día a día..., dános forzas e fainos menos vulnerables. Xa non estamos soas, xa non nos sentimos pouca cousa, ou mesmo nada, fronte aos poderes que unha e outra vez queren convencernos de que a culpa é nosa, de que non sabemos ou non queremos, de que os nosos problemas pouco teñen que ver con eles, de que non son responsables e de que non temos dereito a esixirlles unha resposta inmediata e xusta...

Tiven a desgraza de coñecer o mundo da exclusión social desde dentro, porque me tocou, porque lle tocou á miña familia: a miña experiencia cos servizos sociais foi e segue a ser moi dura. Acudín a eles buscando unha resposta á precariedade e á escaseza de recursos económicos que afogaba á miña familia e as respostas, cando as houbo, foron sempre parciais e absolutamente insuficientes. Con frecuencia sentín que era xulgada; sentín indiferenza, desprezo, rexeitamento; sentín que, ante os meus problemas, as respostas eran trabas e máis trabas...

Por circunstancias da vida vinme na obriga de acudir en 2010 por primeira vez á administración coa esperanza de atopar unha saída ao que se nos viña enriba: un desafiuzamento. Xa me vía na rúa con tres fillos, era unha persoa rota e afundida, e cheguei coa esperanza de atopar unha axuda nun momento desesperado, pero pola contra o que sentín foi que se pechaba outra porta.

Todas as miñas expectativas do que ía atopar ao acudir aos servizos sociais cambiaron radicalmente tras ese primeiro contacto. A teoría me dicía que alí atoparía solucións, en primeiro lugar para o inminente desafiuzamento. Pero a realidade era outra e batín contra ela dun xeito cruel. En todo caso, o máis duro non foi verme na rúa, o máis duro foi comprobar que non era dabondo para a administración que eu demostrara que a miña familia carecía de recursos económicos para facer fronte a aquela situación e ao día a día; o máis duro foi, en definitiva, constatar que eu era un número e que carecía de dereitos...

A única resposta ese día (ademais de deixarme claro que non había unha vivenda social para min, que non tiñan ningunha solución ante o desafiuzamento e tampouco ante a falta de recursos para as necesidades básicas, e que non me quedaba outra que buscarme a vida) foi que me achegara á ODS-Coia na Parroquia Cristo da Vitoria para ver como me podían axudar. A administración non cumpría coa súa obriga de garantir os meus dereitos básicos nunha situación crítica e a única resposta real que me daba era que acudira a un colectivo comprometido coa realidade da exclusión e a xustiza social. Eu non entendía nada, pero me acheguei... E aí comezou outra historia e ese encontro coa xente da ODS foi o único bo que saquei aquel día da miña primeira visita aos servizos sociais municipais.

Na oficina tiven a oportunidade de comprobar que o que me estaba a ocorrer era tamén a realidade que sufrían moitas outras persoas e familias; atopei información e me acompañaron para dar os primeiros pasos para atopar saídas, alternativas para a miña vida; pero tamén confirmaron algo máis importante: tiña e teño dereitos coma persoa, dereitos que han de ser respectados e garantidos (tamén e, en primeiro termo, polas administracións públicas), dereitos polos que paga a pena loitar...

O que comezou así, coa miña visita puntual os días de atención da ODS en busca de información e axuda, foi dando paso a xuntanzas quincenais onde persoas con situacións moi semellantes á miña, sempre moi duras, compartiamos o que nos estaba a acontecer, analizabamos as causas e buscabamos conxuntamente o xeito de reclamar os nosos dereitos buscando solucións reais para os problemas persoais e colectivos. Pouco a pouco, case sen decatarnos, estabamos dando a luz á “asemblea dos martes”, como agora a coñecemos.

Nese camiño que alí comezaba, en paralelo a esa experiencia de ir organizándonos e compartindo loitas, tiven que volver en varias ocasións aos servizos sociais, sempre pola falta de traballo e de recursos económicos. Tiven que solicitar axudas de emerxencia para facer fronte ao aluguer, aos gastos de alimentación ou aos de subministración... Poucas veces  obtiven ditas axudas puntuais e case sempre tiven que buscar solucións noutros espazos...

Os últimos tempos foron duros tamén no persoal e familiar, pois tiven que solicitar a RISGA. Os meses e meses que hai que sobrevivir con ingresos cero desde que a solicitas até que finalmente é concedida (ou non) son un atranco dificilmente salvable e moi cruel, sen que haxa ningunha alternativa real por parte dos servizos sociais. E por fin, cando xa a tes concedida, experimentas nas propias carnes que a contía é totalmente insuficiente para facer fronte ás necesidades máis elementais.

Está claro que o camiño está cheo de atrancos e de inxustizas, e que ás veces parece que non hai saída... Non é doado. Non, pero agora temos a experiencia de que é menos difícil se o facemos conxuntamente. Hoxe en día, no medio dos atrancos e das dificultades, non esquezo que son unha persoa. Nunca mais me recoñecerei no termo “usuaria”, por moito que pretenderan impoñermo desde a administración. Somos persoas con dereitos, persoas que teñen como meta vivir dignamente e que van construíndo alternativas e conseguindo paso a paso ser donas das súas vidas.